O recuncho do Inefábel
...
Marcadores
domingo, 14 de agosto de 2011
Da infamia decisoria
Un dos maiores conflitos que se poden producir para unha persoa é que se lle pidan responsabilidades das súas accións. A pregunta agora debería ser "por que?" se a responsabilidade debe ser a base sobre a cal se erixa calquera decisión...
Pois é que en moitos casos as decisións que nos vemos obrigados a tomar non son fiel reflexo do noso íntimo sentir, dos nosos fins últimos e máis valiosos. A sociedade, por exemplo, é unha grande experta en aniquilar os fins persoais e individuais para substituílos por outros artificiais máis acordes co sistema.
Entón, cando non se nos abre ningunha porta de cara a nosa autorrealización, non estamos a ser xenuinamente responsábeis. Só podemos lidiar coa situación quitándolle gravidade para ver se así, nalgún momento, nos deixa achegarnos ao que queremos e pensamos ser.
Neste punto, cando a obra vital estea rematada e sexa fiel produto dos nosos cálculos, será cando a responsabilidade cobre toda a súa importancia e a proba consistirá en aceptar vivir de novo tomando todas as mesmas decisións punto por punto.
quarta-feira, 23 de março de 2011
Ascenso e caída
Chegou o momento de miráreste ao espello, ollar se es quen de cumprir coa máxima oracular: “coñécete a ti mesmo”, dicía.
É agora cando te das conta de que mellor era non sabela, ou incluso, mellor era morrer, mellor era tan sequera ter nacido: consello do sabio Sileno.
A que conclusión chegas? Non che abondou con matar a Deus, non ficaches quedo aí; agora es o home que desexa perecer. Non tes folgos para crear como ti pensabas, segues a carrexar aínda que non queiras. Nin neno nin nada, para ti non hai superhome. Pensabas que se equivocara niso e que estaba destinada a ti a misión de traelo, crear ao que ten por labor crear: enganácheste.
A túa coherencia pérdete e agora estás profundamente dividido, gostarías de transvalorar todo, mais non podes, non é esa a túa natureza. O teu é ser un ser decadente, un ser destinado a rexerse por momias petrificadas que ti elevas ao rango de máximas, aínda que agora dubidas delas e sentes polo tanto as gañas de perecer. Volvícheste un nihilista.
Anhelabas chegar aquí para coñecerte a ti mesmo, e, agora que te coñeces, mellor che fora non sabelo. Deberás guiarte eternamente polo ben, pois ti non estás preparado para confrontarte a toda a sociedade, á moralidade; aínda que ti ben preferirías outra cousa... porque a cheiraches, porque a intuíches, porque a contemplaches acaso.
Non deberas ter lido nunca a Nietzsche, pois para camiñar por enriba das montañas é preciso posuír longas pernas.
quinta-feira, 17 de março de 2011
Dos lugares da Filosofía
Realmente o que aconteceu foi que coa chegada, chamémoslle masiva, das persoas á ensinanza, houbo unha maior divulgación do pensamento, mais non de todo o pensamento en xeral, senón de certas cápsulas, pildoriñas placebo, de saber - e no que a nós nos afecta, a filosofía viuse seriamente danada. Isto é porque a Academia non máis que se limita a unha reiteración sobre os pensadores típicos, xa clásicos, que co transcorrer do tempo pouco ou nada xa teñen que ver coa nosa realidade. Porén, vémonos na obriga de conceder que isto, en certa medida é necesario, mais o que non se pode tolerar é que xire todo o discurso institucional en base a estes temas "introdutorios". Cantidade de pensadores se desintegran os miolos no esforzo de producir algo novo, cantidade deles fican descoñecidos para nós, e cantidade deles quedaron frustrados polo camiño ao non atoparen máis que unha visión rancia da filosofía.
Xa que logo, o único que nos queda son os bares e demais lugares de ocio para poder levar a cabo a nosa empresa filosófica: alí é onde intercambiamos coñecementos e intereses, libros e autores; en resumidas contas: é onde traficamos con ideas. Ideas verdadeiramente perigosas para a integridade do sistema filosófico que nos venden, pois son tan virulentas algunhas que ben poderían tirar co edificio que sosteñen Platón e Aristóteles nas plantas máis baixas...
Estes lugares si que son verdadeiramente onde se aprende, e aprehende, o que a filosofía é ou quere chegar a ser.
| Matices: |
quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011
Salvaxe

«Érase unha vez, unha osiña grande, grande, grande, que todos os días tiña que madrugar moito para espertar á súa pequena osezna para ir ao cole do bosque. Certo día, despois de erguerse e prepararlle o almorzo á osiña, esta foi toda contenta ao colexio mentres a súa nai quedaba preparándose para ir a recoller mel ás colmeas para así poderen comer. Porén, as colmeas estaban baleiras así que tivo que ir ao río mirar se pescaba algo... mais... tamén aquel día o río estaba tan tan tan sucio que os peixiños todos que lles terían que servir de comida, estaban aboiando panza para arriba.
Xa non sabía que ía facer, pois aínda non chegara o tempo no que as árbores deran froita e non tiñan que comer. De volta á casa, camiñando entre a resignación de non ter nada que darlle á súa pequena, atopouse cunha cestiña chea de comida no medio do camiño. Abandoada. E sen dubidalo agarrouna toda chea de ledicia e buliu cara a casa.
Mais non contaba con que aquela cesta era duns cazadores furtivos que inmediatamente comezaran a correr detrás dela para darlle caza. A osa logrou fuxir, mais sabe que a están a agardar, pois naquel monte ela é a única tan tan tan grande».
A nena ficara durmida, e deste xeito fora como como a nai lle contara como a tratara aquel día. Día no que a pillaran roubando no super do barrio por non ter nin un can. Todo por culpa daquel porco que a botara do traballo por non querer deitarse con el.
| Matices: |
quarta-feira, 16 de fevereiro de 2011
Chove por nós e dicimos que mexan

Chove, sempre chove e a auga apodérase dos nosos soños. Cada vez que as diminutas pingueiras se precipitan contra o chan levan consigo un soño dunha persoa anónima de todo ese grupo que conforma a humanidade.
De nada serve que se protexan con paraugas, chuvasqueiros ou calquera outro utensilio. A molécula endiañada sempre furta dalgures a ocasión para apresar o noso máis valioso tesouro.
Quizáis por iso Galiza, terra na que chove tanto, ou canto menos no pasado era así, ficou sen folgos para resistir ao ataque daqueles que lle querían negar a identidade e a liberdade. Quizais por iso pariu a aquela criatura de tamaño dun trasgo e de malicia sobrenatural que chegou a ser ditador: ditador de auto-odio, ditador de resentimento contra a choiva que tantos soños lle quitara.
Eu gosto de camiñar baixo a choiva sen paraugas, medindo a miña capacidade para protexer a miña riqueza, os meus anhelos. Sei que moi probabelmente non consiga gardalos todos, mais, polo menos, algúns aínda van permanecendo impasíbeis.
Se cadra aínda non lles chegou a hora. Tamén, se cadra, é que son indisolúbeis. Ou, tal vez, quéroos tanto que se volveron impermeábeis.
terça-feira, 15 de fevereiro de 2011
sábado, 5 de fevereiro de 2011
Querelle
I: Eu son máis forte, pois cando unha persoa é invadida por min non a volvo abandoar e ela quererá que así sexa por sempre.
E: Pero nosotros somos más...
A lóxica das maiorías.
